¡¡¡XORNADA MUNDIAL POLO TRABALLO DECENTE!!!

7 de outubro, Xornada Mundial polo Traballo Decente

«IGREXA POLO TRABALLO DECENTE» RECLAMA UNHA «NOVA NORMALIDADE» QUE ERRADIQUE A PRECARIEDADE LABORAL PREVIA Á PANDEMIA

No manifesto para esta Xornada denúncianse as condicións infrahumanas de moitos traballadores temporeros en asentamentos de zonas hortofrutícolas.

ITD reclama reducir a contratación temporal e parcial impulsando os contratos indefinidos e a xornada completa.

O Manifesto defende a subida do Salario Mínimo para axustalo ás necesidades vitais da sociedade actual e a modificación do Regulamento de Estranxeiría para evitar a irregularidade sobrevinda das persoas migranteses





A iniciativa Igrexa  polo Traballo Decente (ITD) —que en Santiago de Compostela impulsan Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, Conferencia Española  de  Religiosos CONFER, Irmandade Obreira de Acción Católica HOAC, Xustiza e Paz, Xuventude Estudiante Católica JEC, Xuventude Obreira Cristiá JOC, Acción Católica Xeral de Santiago, Salesianos Cooperadores e Acción Católica de Propagandistas de Santiago— celebra por sétimo ano consecutivo a Xornada Mundial polo Traballo Decente, que se conmemora o 7 de outubro, promovida pola CSI (Confederación Sindical Internacional) e apoiada pola OIT (Organización  Internacional  do Traballo).

Con ese motivo, ITD lanza un Manifesto baixo o lema «Agora máis que nunca traballo Decente» para reivindicar o traballo “como dereito e medio para desenvolvernos, crecer e realizarnos como persoas”, unha reclamación especialmente necesaria no escenario marcado pola pandemia, que engadiu precariedade no mundo do traballo. Por iso, “a nova `normalidade´ non pode ser a precariedade que vimos sufrindo desde antes da pandemia”, que obedece a “un modelo económico baseado no beneficio, que non dubida en explotar e descartar á persoa”.
As organizacións de ITD poñen o foco no aumento da precariedade que a Covid-
19 está a supoñer para “o persoal de limpeza e sanitario  sen  Equipos  de Protección  Individual”, xunto aos problemas detectados  “nas  condicións laborais e falta de medidas de prevención en riscos para a saúde das  traballadoras  do fogar; as persoas teletraballando sen dispoñer de medios tecnolóxicos  e dispositivos por parte da empresa” ou aquelas “que, a pesar de estar en ERTE, víronse obrigadas a teletraballar desde casa”. Estas situacións impediron a un número importante de traballadores “acceder a ERTE ou calquera tipo de escudo social”.

O Manifesto denuncia, tamén, as dificultades existentes no acceso ao traballo derivadas do “modelo de relacións laborais actual, que non asegura acceder a un traballo decente que permita atender necesidades básicas como chegar a fin de mes, conciliar a vida laboral e familiar, o acceso á vivenda, a seguridade e saúde laboral, ou a participación social”. Esta é unha situación que afecta especialmente a mozas e mulleres, “vítimas dunha das maiores taxas de desemprego, traballos peor remunerados e elevada rotación”.

Como afirma Rita, de 20 anos, cuxo testemuño se recolle no Manifesto, “ao ser novos, chégase á conclusión  de que nos podemos conformar  con  calquera cousa ou condición co fin de poder gañar experiencia. Con  isto  refírome  a traballar horas extra ou realizar peches con moita máis frecuencia da acordada".  "O que máis frustra e faiche sentir inseguridade –asegura á súa vez Carmen, outra moza traballadora de 23 anos— é que che pidan experiencia, pero non che dean a posibilidade de conseguila, rexeitándoche desde o principio por ser novo".

Reivindicacións

Nesta Xornada Mundial polo Traballo Decente, ITD pon o foco nas seguintes reivindicacións:

- Que o Estado poña os medios necesarios para asegurar o cumprimento da normativa sobre as condicións de traballo e prevención de riscos laborais, con especial fincapé nas condicións infrahumanas nas que seguen vivindo moitas persoas traballadoras temporeras en asentamentos de zonas hortofrutícolas.

- Asegurar un emprego de calidade nos sectores privado e público; diminuíndo a contratación temporal e parcial e impulsando a contratación indefinida e a xornada completa.

- Medidas de orientación e formación, non só para persoas desempregadas, senón accesibles a todas as persoas traballadoras, especialmente para aquelas que sofren subempleo e precariedade no emprego.

- A subida do Salario Mínimo, para que se axuste ás necesidades vitais da sociedade actual, e que familias sen ingresos teñan unha defensa real e a posibilidade de saír adiante.

- Modificar o Regulamento de Estranxeiría para evitar a caída en situación de irregularidade sobrevinda das persoas migrantes.

Algúns datos sobre a situación do traballo decente en España.

Xunto a iso, no marco desta Xornada as organizacións promotoras de Igrexa polo Traballo Decente poñen o foco sobre algunhas cifras que falan da dimensión dos problemas aos que se enfronta o mercado laboral no noso país.

- Hai 3.543.800 de persoas en desemprego (15,3% de taxa de paro). O 17,4% entre as mulleres e o 13,4% entre os homes. A poboación de menos de 25 anos presenta o 38,4% de taxa de paro. A poboación migrante ten un índice de paro do 23,75.

- O 25,06% das persoas traballadoras ten contrato temporal.

- Hai 1.157.900 fogares con todos os seus membros en paro.

- Hai 1.736.000 persoas que levan máis dun ano en paro e delas, 938.000 levan máis de dous anos. Fonte: INE, EPA 2 T2021.

- Existen case 2,5 millóns de traballadores pobres (13% dos traballadores), é dicir, que, a pesar de estar empregados, non logran abandonar situacións de pobreza relativa.

-Ao comezo da pandemia, 4,5 millóns de persoas en España (9,5 % da poboación) vivía en situación de pobreza severa (un millón máis que en 2008). O 27,5% das persoas en pobreza  severa  ten  traballo.  Fonte: FOESSA.

- O 20% dos traballadores españois menores de 30 anos atópanse ao bordo da pobreza; isto representa o nivel máis alto da eurozona. Fonte: Observatorio Social.

Actos reivindicativos en todo o país

As entidades e movementos de Igrexa participantes en ITD convocaron, baixo o hashtag #ahoramásquenuncatrabajoDecente, numerosos actos  reivindicativos  e celebrativos en todas as prazas e parroquias das dioceses de toda España, que irán acompañados por diversas accións virales en redes sociais.
A axenda de actividades pode consultarse na web de ITD: www.iglesiaporeltrabajodecente.org